Saúda

50 aniversario dos estudos de economía en Galicia

Por Emilia Vázquez Rozas, decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Decana de la facultad, María Emilia Vázquez Rozas

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais celebra neste curso 2017-2018 o 50 aniversario dos estudos de Economía en Galicia.

Como decana, é para min unha honra estar ao fronte dunha Facultade que ao longo da súa historia desenvolveu un importante papel na economía e a cultura de Galicia, e que foi a orixe dos estudos universitarios de Economía en Galicia.

Son herdeira do bo facer das persoas que me precederon no cargo dende o inicio da Facultade: Carlos Otero; Luis Suárez-Llanos; José Castillo; Bernardo Pena; Jaime García-Lombardero; Xosé Manuel Beiras; José Vilas; Luis Caramés; José Carlos De Miguel; Javier Rojo; Jaime Barreiro e Maite Cancelo, ás que agradezo no meu nome e no nome da Facultade a súa grande dedicación, sempre comprometidas coa mellora da calidade e grazas ás que o noso centro pode presumir de estar a un alto nivel.

Unha Facultade fórmana as persoas que desenvolven a súa actividade nela, sexa como parte do profesorado ou do alumnado, ou do persoal adicado á administración. Máis aínda no caso dunha Facultade como a nosa, que comezou súa andaina en 1967 no edificio da Universidade, a actual Facultade de Xeografía e Historia, para pasar aos desaparecidos barracóns do Burgo das Nacións, e posteriormente ao edificio de Farmacia no campus sur e a Fonseca, ata que en 1976 inaugurouse o edificio que ocupamos en Xoán XXIII. Fai polo tanto cincuenta anos que comezaron os estudos de Economía en Galicia, na Universidade de Santiago de Compostela.

É pois a nosa Facultade o xerme das que se crearon mais tarde nas Universidades de Vigo e de A Coruña.

Os primeiros tempos dos nosos estudos foron anos de importantes cambios políticos e sociais. O espírito reivindicativo da Facultade deu como froito que posteriores dirixentes políticos saísen das nosas aulas, ben como parte do alumnado ou ben do profesorado, como os presidentes da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe.

Das nosas aulas saíron personalidades relevantes que ocuparon e ocupan carteiras en Ministerios de España, Secretarías de Estado, Consellerías, Secretarías Xerais, o Conselleiros de Contas de Galicia, ás que non vou citar por non cometer o grave erro de esquecer algún nome.

No ámbito privado son moitas as persoas formadas na nosa Facultade que desempeñan postos de responsabilidade en entidades e empresas tanto de Galicia como de fóra da nosa Comunidade, e cuxa experiencia e saber son moi importantes para seguir formando cada vez mellor ao noso alumnado.

A colaboración con empresas e institucións é fundamental para mellorar e completar a formación do alumnado, pois son elas as que lles ofrecen a posibilidade de realizar prácticas e ofrecerlles a súa primeira oportunidade no mundo laboral. O noso agradecemento dende aquí, pois a súa participación na formación redunda na mellora continua do tecido empresarial de Galicia.

Tamén quero destacar a calidade do noso profesorado, pasado e presente, tanto como docentes como na súas facetas investigadoras.

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais pode presumir dun alto nivel, e conta con profesorado de recoñecido prestixio que coa súa dedicación e esforzo logrou que esteamos entre os mellores centros de España para estudar os graos de Economía e de Administración e Dirección de Empresas.

Na nosa Facultade non falta profesorado de relevancia internacional que cos seus estudos axudan aos gobernantes a tomar as decisións mais axeitadas para mellorar a calidade de vida de todos nós, que aposta por poñer a Galicia nun lugar relevante no mundo.

A Facultade edita a Revista Galega de Economía, única revista de Economía de Galicia que se puxo en marcha grazas á colaboración da Xunta de Galicia hai máis de 25 anos, e continúa sendo, actualmente baixo a dirección da profesora Guisán, un referente para a difusión de Galicia no mundo.

O compromiso coa sociedade, a economía e a cultura galega é unha característica inherente á nosa Facultade. Dende o momento da posta en marcha do edificio que ocupamos, a aposta pola arte galega foi visible, cando o decano, don Luis Suárez-Llanos Gómez, apostou por ela.

Hoxe podemos desfrutar dunha das coleccións mais recoñecidas da arte galega dos anos 70 e 80 do pasado século, da que quero destacar a escultura que Camilo Otero doou á Facultade, “La Pasionaria”, que preside o fronte do edificio e que se converteu no emblema do noso centro.

Destaca a numerosa obra do artista compostelán Tomé, que forma parte do noso patrimonio gracias a que cos anos continuouse coa iniciativa artística.

Na actualidade a aposta pola arte galega segue na Facultade, co concurso de pintura “CreArte na Universidade” que se convoca cada ano.

Todo o antedito, e moito máis que o espazo non deixa lugar, nos motivan para querer conmemorar, neste curso 2017-18 os cincuenta anos dos estudos de Economía en Galicia, e celebrar xunto con todas as persoas vinculadas aos nosos estudos, e especialmente con todas as mulleres e homes que hai 50 anos empezaron os estudos universitarios na nosa Facultade, estes anos de percorrido e de mellora continua.