Premios “CreArte na Universidade”

Premio CreArte Gañador 2018

Sara Piñeiro é a gañadora da sétima edición con Holocausto; e o accésit recibirao Víctor Rodríguez Espiñeira, por Estación

O certame de pintura CreArte, impulsado dende a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago, xa ten premiados para a súa VII edición.

Sara Piñeiro é a gañadora con Holocausto; mentres Víctor Rodríguez Espiñeira recibirá un accésit por Estación. Acadan, respectivamente, 700 e 400 euros.

Presentáronse un total de 18 obras. Piñeiro é estudante de Belas Artes en Pontevedra.

O acto de entrega de premios será o próximo 5 de abril ás 12 horas, no acto de conmemoración de San Vicente Ferrer, patrón da Facultade. Abrirase entón unha exposición temporal de arte no centro.

Dende a súa apertura, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias da Universidade de Santiago ten un especial interese en fomentar a arte galega.

Para elo, leva mantido unha aposta continuada pola creación artística e mailo coleccionismo.

Nesta liña, no 2011 creouse o concurso de pintura “CreArte na Universidade”.

As obras gañadoras servirán para que continúe medrando a colección artística da Facultade santiaguesa, que en distintos espazos conta con obras de Acisclo, Sucasas, Laxeiro, Quessada, Silverio Rivas, Conde Corbal, Camilo Otero ou Tomé, entre outros.