O 50 aniversario dos estudos de economía e empresa en Galicia porá o ramo o mércores 28 de novembro cunha xornada repleta de actividades

Contará cunha mesa redonda e exposición de portadas sobre “Os 50 anos de Economía Galega na prensa” e as presentacións do Catálogo de obras de arte da Facultade e dun número especial da Revista  Galega de Economía

A conmemoración dos 50 anos dos estudos universitarios de economía e empresa en Galicia encara a súa clausura cunha xornada repleta de actividades que se celebrará na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC o mércores 28 de novembro.

A xornada iniciarase cunha reunión do Comité Consultivo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

O Salón de Graos acollerá, desde as 11:00 horas, a presentación do Catálogo de obras de arte da Facultade, coa participación do catedrático e exdecano do centro José Carlos de Miguel e de José Manuel García Iglesias, catedrático de Historia de Arte Moderna e Contemporánea.

Ás 11:30 horas chegará a presentación do número extraordinario da Revista  Galega de Economía, que recolle as participacións e conclusións do Congreso  “50 anos de economía galega”, celebrado o mes de abril dentro do calendario de actividades do aniversario. Estarán presentes María del Carmen Guisán, directora da Revista  Galega de Economía; e o catedrático de Facenda Pública Luís Caramés.

A mesa redonda “Os 50 anos de Economía Galega na prensa”, desde as 12:10 horas, contará con Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación; os profesores  Xaime Barreiro e José Antonio Varela; e os xornalistas Sofía Vázquez (La Voz de Galicia) e  Xavier Cea (O Correo Galego).

Precisamente o tratamento da economía pola prensa é o eixo da exposición homónima que se inaugurará, na entrada da Facultade, a continuación.

Recolle un total de 45 portadas e de páxinas destacadas desde 1968, ano de inicio dos estudos de economía en Galicia e da inauguración da Facultade compostelá.

A mostra serve como percorrido pola historia económica e do xornalismo e contou para a súa elaboración coa colaboración de La Región, El Progreso, Faro de Vigo, El Correo Gallego e La Voz de Galicia.

Esta exposición estará exposta no centro durante os próximos meses.

Coma peche da xornada e máis do 50 aniversario dos estudos de economía e empresa en Galicia chegará o acto de clausura, onde participarán Antonio Lopez, reitor da Universidade de Santiago; e María Emilia Vázquez Rozas, decana da Facultade.

Rematará deste xeito un extenso calendario de actividades que contou, durante máis de 12 meses, con acontecementos coma o congreso “50 anos de economía galega”; a celebración da fase final da X Olimpíada Española de Economía; a reunión da Conferencia Española de Decanas e Decanos de Economía e Empresa (CONFEDE); o “Encontro de profesorado de Economía e Empresa de ensino medio e superior”; ou o “Encontro Universidade – Empresa  APD”, entre outras propostas.

Deixa unha resposta