Máis de 300 persoas daranse cita en Santiago durante a celebración da X Olimpiada Española de Economía

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acollerá durante tres días, entre o 25 e o 27 de xuño, este concurso no que participarán 135 alumnos de 2º de Bacharelato de toda España

Máis dun cento de alumnos de segundo de bacharelato de toda España participarán a vindeira semana na X Olimpiada Española de Economía terá lugar os días 25, 26 e 27 de xuño na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, na que será unha das grandes citas do programa conmemorativo do 50ª aniversario dos estudos de economía en Galicia que as Facultades de Económicas e Empresariais de Galicia están a celebrar.

En total serán 135 alumnos e alumnas de todo o territorio nacional escollidos a través das diferentes fases zonais os que participarán nesta décima edición da Olimpiada Española de Economía, 3 estudantes por cada unha das 45 universidades implicadas. Xunto a eles acudirán profesores universitarios e de instituto, polo que se espera que se darán cita máis de 300 persoas ao longo dos tres días en que dura a Olimpiada.

Só 10 gañadores finais

De entre eles só 10 acadarán os premios finais, por importe de máis de 5 mil euros repartidos entre os dez e outorgados polo Ministerio de Educación. Para conseguilos os alumnos deberán enfrontarse a unha proba que consta de tres partes nas que se avaliarán os seus coñecementos teóricos e prácticos en materia de economía xeral e de empresa así como de comprensión e madurez a través dun texto de temática económica publicado en prensa.

A Asociación Olimpíada Española de Economía, que este ano cumpre o seu décimo aniversario,  é quen organiza este evento,  creado co obxectivo de promover a divulgación dos estudos de Economía e Economía da Empresa, crear vínculos estables entre o ensino universitario e o ensino medio e premiar o esforzo e a excelencia académica dos estudantes de bacharelato.

Celebrada por vez primeira en Valencia en 2009 coa participación de 14 facultades, a Asociación Olimpíada Española chega a este aniversario tan especial coa satisfacción de ter incorporado á totalidade de Facultades de Estudios Económicos das universidades públicas existentes en España, 45 en total, entre elas as galegas.

Deixa unha resposta