Inauguración oficial

Pazo de Fonseca, inauguración do 50 aniversario estudios de economía y empresa en Galicai

Galicia celebra este curso o 50 aniversario dos estudos de economía na súa universidade

O Salón Nobre do Pazo de Fonseca acolleu o acto inaugural da celebración dos 50 anos dos estudos de economía en Galicia; impulsada pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago

O curso 1967-68, hai medio século, foi o da apertura do centro compostelán, fito que serve como punto de partida destes estudos no país.

O evento contou coa presenza do reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey; o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez García; os ex presidentes da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño; e a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Emilia Vázquez Rozas.

Todos os intervintes coincidiron en subliñar o papel protagonista da Facultade compostelá no devir político e social das últimas décadas da nosa comunidade. “A Galicia de finais dos 60 non é a Galicia de hoxe, e nesa transformación económica e social foi sen dúbida crucial este centro”, dixo o reitor. “Seguramente os nosos concidadáns –continuou– terán gozado dos froitos do traballo do profesorado e ex alumnado en prol da mellora na xestión turística como motor económico de Galicia, na modernización da organización empresarial ou na economía sostible”.

González Laxe, alumno da terceira promoción, referiuse a iso mesmo ao afirmar con rotundidade: “se alguén quere ser responsable político, estudando nesta Facultade ten unha probabilidade do 50% de selo”. “Foi nese centro, referente educativo e social para toda a sociedade, onde como tantos outros me formei e aprendín a pensar”, dixo, á vez que lembraba formar parte dunha “promoción itinerante” que comezou no Burgo, pasou polo Campus Sur e rematou no Colexio de Fonseca.

Pola súa banda, Pérez Touriño destacou no acto os tempos precarios de hai 50 anos, “unha precariedade que era substituída pola paixón do profesorado e o estudantado e da que hoxe somos herdeiros”. O ex presidente da Xunta de Galicia e alumno da primeira promoción dixo ademais aspirar a que a economía “vaia hoxe polo camiño do compromiso social”.

O acto finalizou coa intervención do catedrático ad honorem da USC José Carlos de Miguel, o profesor máis antigo do centro, e da tamén catedrática ad honorem María Carmen Guisán, que finalmente non puido asistir e delegou a lectura do seu discurso na profesora Maite Cancelo. Aos dous o reitor agradeceulles a súa “dedicación incansable”.

Programa de actividades no aniversario

Ao longo de todo este curso 2017-18, un programa con numerosas actividades fomentará o debate arredor da disciplina e porá en valor a traxectoria da Facultade compostelá.

Coma evento máis inmediato, o xoves 5 e o venres 6 de outubro chegará o Coloquio Ibérico de Economía Social, organizado por CIRIEC Centro Internacional de Investigación e Información sobre a Economía Pública, Social e Cooperativa e o Centro de Estudos Cooperativos CECOOP en colaboración coa Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

No marco do 50 aniversario están previstas outras citas destacadas coma o congreso “50 anos da Economía Galega”; o Encontro entre profesores de economía e empresa de ensino medio e superior; unha nova edición dos Premios Crearte na Universidade; a reunión da Confederación Española de Decanas e Decanos de Economía e Empresa; a fase final da X Olimpíada Española de Economía; o programa Emprega-T; a 12th Regional Innovation Policies Conference; o Foro de Emprego CompostalentAIESEC; o Coloquio Ibérico de Economía Social, ou o V Encontro Internacional de Mozos Emprendedores.

 

Descargas:

Vídeos na mediateca da Universidade de Santiago

Discurso de Juan Viaño, rector de la Universidade de Santiago

Intervención de Fernando González Laxe

Intervención del profesor José Carlos de Miguel

Ponencia de la profesora María Carmen Guisán

Intervención de María Emilia Vázquez Rozas, decana de la Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Nota de prensa do acto inaugural en galego

Crónica del acto inaugural 50 anos, por Belén Puime

Fotos da inauguración: