Encontro profesorado ensino medio e superior Facultade Ciencias Económicas e Empresariais en Santiago

Gran acollida do “Encontro de profesorado de Economía e Empresa de ensino medio e superior” na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC

Máis dun cento de docentes de Economía e Xestión de Empresas dos distintos niveis educativos reúnense co obxecto de mellorar a formación do profesorado, a calidade da docencia e o fomento dos seus estudos en Galicia

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago acolle hoxe o “Encontro de profesorado de Economía e Empresa de ensino medio e superior”, cita enmarcada no programa de actividades que conmemora o 50 aniversario dos estudos de Economía en Galicia.

Tomaron parte da inauguración o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño; o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro; a decana do centro santiagués, María Emilia Vázquez; Mari Luz Marco, presidenta da Asociación Olimpiada Española de Economía; e o coordinador programa A Ponte da USC, Luís Hervella Torrón.

No seu discurso o reitor tivo palabras de compromiso co profesorado que asiste ao encontro. “O contexto no que desenvolvemos a nosa misión formadora ten mudado substancialmente non só na educación superior senón tamén no ensino medio, este último sometido a moitos máis cambios normativos e lexislativos dos razoablemente aconsellables”, dixo, e rematou cunha reflexión: “Quizais sería bo que nos  pararamos a pensar en que supoñen estes cambios para os nenos e nenas que estamos educando e formando”.

María Emilia Vázquez apuntou a súa arela de que este evento sexa “un espazo de encontro, unha xornada conxunta entre o profesorado de Economía e Xestión de Empresas dos distintos niveis educativos, na que tratar aspectos de interese para ámbolos dous colectivos e na que poidamos compartir coñecementos e experiencias; co obxecto de mellorar a formación do profesorado, a calidade da docencia e o fomento dos estudos de Economía e Empresa en Galicia”.

E, entre as materias que hanse tratar, Vázquez destacou “os cambios derivados da LOMCE e os procesos de avaliación nas probas de acceso á Universidade; as novas formas de organización empresarial e as profesións dentro da economía dixital. Ademais teremos unha sesión de experiencias novidosas de ensino-aprendizaxe; e tratarase a importancia da educación financeira en todos os niveis educativos”.

A continuación, as autoridades da USC e máis a Xunta Directiva da Asociación Olimpíada Española de Economía asinaron o acordo para a realización da fase estatal deste evento no centro compostelán, os días 25, 26 e 27 de xuño.

A Olimpíada Española de Economía, que cumpre este ano o seu décimo aniversario, é unha proba que conta co recoñecemento oficial por parte do Ministerio de Educación Cultura e Deportes. Nela participan estudantes de bacharelato de toda España, que se seleccionan nas fases que a nivel local se realizan en máis de 40 Facultades.  A galega será en abril, na Facultade de CC. Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo en Ourense.

 

Decurso do Encontro de profesorado

Un cento de docentes toman parte no Encontro de profesorado. O primeiro relatorio “O reto da ensinanza da Economía coa LOMCE” estivo a cargo de José Sande, profesor de Economía no IES Gil e Carrasco de Ponferrada, e profesor de Economía da Empresa na Universidade Oberta de Cataluña.

A primeira mesa de traballo abordou As competencias dos futuros profesionais da Economía, moderada pola profesora na USC e vicedecana Loreto Fernandez. A segunda mesa de traballo encarou A aprendizaxe en Economía máis alá das aulas.

As actividades retomaranse pola tarde coa mesa sobre O modelo de ensinanza de Economía e a súa utilidade para o futuro dos mozos, levada por Luis Hervella.

A xornada finaliza coa presentación aos profesores presentes da Olimpíada de Economía. Participan Emilia Vázquez, decana do centro santiagués; Elena Rivo, decana da Facultade de CC. Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo en Ourense; e Mari Luz Marco, presidenta da Asociación Olimpíada Española de Economía.

Nota_de_prensa

Deixa unha resposta