faciñtad-economicas usc confede reunión

Internacionalización, acreditacións ou a conexión cos estudantes de bacharelato, na segunda xornada da Conferencia Española de Decanas y Decanos de Economía y Empresa (CONFEDE)

Ana María López García, presidenta de CONFEDE, destacou o ambiente de traballo

A Conferencia Española de Decanas e Decanos de Economía pechou a súa reunión en Santiago de Compostela, á que acudiron 80 representantes de centros de toda España.

Ana María López García, presidenta de  CONFEDE e decana da Facultade de Ciencias Económicas y Empresariales da Universidad Autónoma de Madrid, salientou entre as temáticas tratadas a importancia dunha internacionalización “que xa está aquí” e amosou a súa satisfacción polo traballo e o ambiente no evento.

“Estamos moi contentos tanto pola afluencia como polo desenvolvemento. As reunións que organizamos en  CONFEDE conseguen sempre unha elevada participación, hai decanos que se inscriben mesmo antes de coñecer o programa.

Son unhas xornadas nas que o incrible é que funcionan como unha gran familia. Facultades que podería pensarse que deberían competir apostan por unha contorna de colaboración excelente e impagable, onde cada unha conta as súas experiencias, responde a preguntas sobre accións que se poden imitar en outras… Ademais conseguimos que as universidades privadas se somen e participen activamente”, apuntou.

A xornada de venres, desenvolvida no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, contou con catro sesións.

A primeira encarou a internacionalización, coas intervencións “Recruiting Erasmus: en busca do mellor talento global”, por Carlos Crespo (PeopleMatters); “Dobres títulos con universidades estranxeiras”, de Raúl Ruiz Callado (Universidad de Alacante); e unha conxunta sobre “Requisitos para o profesorado para as titulacións impartidas con grupos bilingües”.

A sesión sobre acreditacións contou con Josep Franch (ESADE), quen se centrou nas “Acreditacións internacionais”; “Mencións en graos”, por José Antonio Sanz (Universidad de Valladolid); e “Articulación da acreditación por centros”, con varios intervenientes.

A continuación tratouse a conexión con estudantes de bacharelato, cos relatorios sobre “Problemática da materia de Economía en BAC” de Javier González (presidente da Asociación Galega de Ensinantes de Economía en Secundaria); e “Recoñecemento de materias cursadas en BAC para acceder a titulacións de economía e empresa”, levado por Sol Ostos (Universidade de Granada).

A derradeira sesión foi mixta, con temas como as prácticas internacionais ou os traballos fin de grao.

 

Sobre a CONFEDE

A CONFEDE favorece a cooperación entre as distintas facultades de economía e empresa. Entre os seus obxectivos están adoptar acordos en materias de competencia decanal e expresar a opinión colectiva en materias que afectan aos seus centros.

Esta organización constituíuse no ano 1998 en Albacete e forman parte dela as decanas e os decanos das facultades e centros autorizados en España para expediren e impartiren os diversos títulos oficiais en Economía e Administración e Dirección de Empresas.

A reunión da CONFEDE en Compostela coincide co 50 aniversario dos estudos de economía en Galicia, aniversario que propicia un extenso programa de actividades que se alongan ao longo de todo o ano.

A próxima cita de CONFEDE será en novembro, na Universidad de Oviedo.

Deixa unha resposta