Congreso 50 anos de economía en Galicia Xosé Luis Quiñoá López, Edelmiro López Iglesias e María Loureiro García

A economía do país, analizada dende todos os ángulos no Congreso“50 Anos de Economía en Galicia”

A clausura contará coa presenza do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez García; a vicerreitora Maria Dolores Álvarez Pérez; e o vicedecano Fidel Martínez Roget

O Congreso “50 anos de Economía en Galicia” vive hoxe a súa última xornada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

O seu acto de clausura desenvolverase ás 18.00 horas, coa presenza do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez García; a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Maria Dolores Álvarez Pérez; e o vicedecano de Asuntos Económicos, Fidel Martínez Roget .

O evento está a contar cunha grande afluencia de público e os relatores salientan a calidade dos debates que seguen a todas as mesas.

 

Xornada de hoxe

A xornada de hoxe no Congreso está a abordar temáticas coma o mercado de traballo; os sectores agrario e forestal; o turismo como fonte de riqueza; os servizos financeiros e os cambios na banca; o gasto público; e a situación de Galicia en España e na UE.

A cita que encetou a actividade, Mercado de traballo, reuniu a Alberto Meijide Vecino, Laura Hospido Quintana e Juan Ramón García López.

Na mesma incidiuse mo aumento nas desigualdades salariais nos últimos anos; amosáronse as consecuencias dos cambios tecnolóxicos na sociedade e máis no mercado de traballo; e indicouse que non se debe ser pesimista, pois os cambios tecnolóxicos fan aparecer novas profesións.

Así, a educación revélase como unha das solucións para os seus problemas, orientándose cara ás capacidades non cognitivas e sociais.

Os cambios no sector agrario e forestal artellaron a mesa composta por Xosé Luis Quiñoá López, Edelmiro López Iglesias e María Loureiro García, onde se apuntou que hoxe, en Galicia, só o 21% do territorio está explotado economicamente.

En relación á loita contra incendios, destacouse que o máis importante é anticiparse á posibilidade e a reacción inmediata. O fundamental é a xestión de territorio con redución de combustible acumulado. Mostráronse resultados de estudos sobre o impacto económico dos mesmos en Galicia, que se cifran en de perdas ao redor de 600 millóns de euros.

A profesora Loureiro detívose nos estudos que levan a cabo no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, para determinar como actuar agora.

María Nava Castro Domínguez, Jose Antonio Fraiz Brea e Fidel  Martínez Roget son os relatores en O turismo como fonte de riqueza: rural, termal, cultural…

Na actualidade o turismo representa máis do 11% do PIB e do 12% do emprego do país. Incrementar a duración das estadías, reducir a estacionalidade turística, incrementar o peso do turismo internacional e orientar a actividade nunha senda de desenvolvemento sostible, na que todos os axentes saian beneficiados, son algúns dos retos que se deben afrontar nun futuro inmediato.

No relatorio Servizos financeiros e os cambios na banca estarán José Antonio Redondo López, Juan Ramón Quintás  Seoane e Francisco Domínguez Martínez.

O profesor Quintás reflexionará sobre o entorno no que se xestou e desenvolveu esta grande crise financeira e como o marco regulamentario impediu garantir a estabilidade financeira do sistema. En segundo lugar, Francisco Domínguez aportará a súa visión crítica sobre a deriva das entidades financeiras que, tendo un marcado compromiso social, asumiron riscos. Por último, abordarase a contribución da ciencia financeira no século XX e, en especial, a falta de resposta á actual crise que puxo en evidencia a teoría financeira clásica. Os novos paradigmas que intentan dar resposta aos evidentes fracasos teóricos, serán obxecto de reflexión.

Xa pola tarde, Evolución e control do gasto público será a mesa con Luis Caramés Viétez e Miguel Ángel Vázquez Taín.

Trala última crise, alcanzar o axuste ao mesmo tempo que unha lenísima reactivación só podía facerse grazas á demanda exterior, como aconteceu noutras crises. A pregunta que xorde é se ese motor vai a ter un longo percorrido ou se só é capaz de actuar en momentos excepcionais como o presente, tras pasar a proba dunha devaluación, sexa interna como a actual, ou da divisa, como foron as anteriores.

A última sesión Galicia en España e na UE contará con Emilio Pérez Touriño e Jaime Barreiro Gil.

Boa parte do tempo de construción da nova Europa foi tamén o de asentamento definitivo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. Enxertaranse as dúas memorias nunha mesma póla.

Tras ela chegará o acto de clausura.

 

Repaso ás mesas na xornada do xoves

Na mesa Nova organización empresarial realizouse un profundo repaso aos cambios nos organigramas das distintas empresas, coa presenza de destacados empresarios do país. Os relatores foron José Antonio Varela González, Justino Bastida Calvo, Ramón Domínguez Rego, José Ramón Pérez Nieto, José Gabriel Barreiro Pérez e José María Fonseca Moretón.

Na sesión Poboación, condicións da vida suscitouse un interesante debate arredor dun estudo presentado sobre o tempo non remunerado dos fogares e constatouse que, de ser valorado, representaría arredor do 30-40% do PIB en España. Tomaron a palabra María Xosé Rodríguez Galdo, Fausto Dopico Gutiérrez del Arroyo, Eduardo Pis Sánchez e Bernardo Pena Trapero.

José Díez de Castro, José Carlos De Miguel Domínguez, Eduardo López Pereira e Emilia Vázquez Rozas compartiron a mesa A formación universitaria: evolución, situación actual e futuro. Nela púxose de relevancia a importancia da avaliación da calidade das universidades na actualidade, así como a necesidade de que o ensino superior priorice a empregabilidade, un factor que xa é un requisito imprescindible.

Xoán Carmona Badía e Xan López Facal, en Os cambios no sector industrial, fixeron un acaído repaso ás mudanzas na especialización sectorial e a política nos últimos 50 anos.

Na sesión A importancia do sector pesqueiro, os relatores Fernando González Laxe e Gonzalo Rodríguez Rodríguez expuxeron os cambios nese sector, a importancia das regulacións sobre todos os aspectos relacionados co mesmo (desenvolvemento sostible, industria transformadora…) e constatouse a importancia que, cada vez máis, adquirindo a acuicultura.

A mesa Principais indicadores económicos de Galicia: evolución e situación actual supuxo un interesante repaso pola evolución da economía galega en relación á española e ás máis importantes economías europeas, a cargo de María del Carmen Guisán Seijas e Maite Cancelo Márquez.

Na última sesión do xoves, Recursos enerxéticos e mineiros, Xoán Doldán García, Rosa Regueiro Ferreira e Xosé Antón Rodríguez González salientaron as posibilidades de explotación dos recursos da minaría non metálica e a necesidade dun observatorio galego deste sector.

Tamén apuntaron a grande capacidade transformadora de enerxía en Galicia e o aumento de consumo nos últimos anos, malia que se mantén o alto nivel de exportación de enerxía.

Destacaron, ademais, que no sistema enerxético de Galicia, que produce enerxía con recursos propios pero sobre todo importados, prodúcense perdidas do 25% da enerxía transformada. A enerxía procedente de recursos galegos é inferior á perda de enerxía no proceso de transformación e posterior transporte.

Das enerxías renovables para a produción de enerxía eléctrica a máis relevante é a eólica, que é a que ten un custo de produción menor, aínda que a evolución nos últimos anos non foi positiva nin para España nin para Galicia

Un programa dentro do programa conmemorativo

Ao Congreso “50 Anos de Economía en Galicia” anotáronse 150 inscritos, que poden asistir ás reflexións e opinións de destacados empresarios, economistas, xestores públicos e académicos. A partir do seu contido e conclusións prepararase un número especial da Revista Galega de Economía.

Trátase dun dos eventos principais no programa conmemorativo dos 50 anos da posta en marcha dos estudos de Economía en Galicia, que se celebra durante todo o curso.

 

Revista de Economía de Galicia

Deixa unha resposta