O Congreso “50 Anos de Economía en Galicia” abordará esta semana a disciplina dende múltiples perspectivas

Un total de 44 relatores tomarán parte de 13 sesións que se desenvolverán o xoves 12 e o venres 13, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago acolle o xoves 12 e o venres 13 de abril o Congreso “50 Anos de Economía en Galicia”.

Trátase dunha das grandes citas dentro do calendario de actividades conmemorativo dos 50 anos da súa posta en marcha e contará cun total de 13 sesións nas que tomarán parte 44 relatores entre os que se atopan empresarios, economistas, xestores públicos e académicos.

A súa inauguración será o xoves 12, ás 9:30 horas.

Apunta a decana, Emilia Vázquez Rozas: “Dende a Facultade queremos dar a coñecer á sociedade a importancia que para o desenvolvemento da sociedade teñen os nosos estudos, e pensamos que a mellor forma é mostrar, con exposicións de distintas temáticas, cal é a situación actual da economía galega e a súa evolución nos últimos anos. Contaremos coas aportacións de persoas expertas, tanto do ámbito académico como do mundo profesional, que ao longo de dúas xornadas debaterán sobre cuestións tan importantes para Galicia como a demografía, a formación  ou  o emprego. E analizaranse algúns dos sectores de maior relevancia na nosa Comunidade, así como os cambios experimentados nas organizacións empresariais.  O sector público e a análise de Galicia en Europa terán tamén o seu espazo de análise e reflexión”.

Na primeira xornada, as mesas abordarán a nova organización empresarial; as mudanzas sobre a poboación e as condicións de vida; a formación universitaria; os cambios no sector industrial; as dinámicas no sector pesqueiro; a evolución e máis a situación actual dos principais indicadores económicos de Galicia; e os recursos enerxéticos e mineiros.

Xa o venres 13, o Congreso encarará o mercado de traballo; os sectores agrario e forestal; o turismo como fonte de riqueza; os servizos financeiros e os cambios na banca; o gasto público; e a situación de Galicia en España e na UE.

A partires deste Congreso “50 Anos de Economía en Galicia” publicarase un número especial da Revista Galega de Economía.

Web do Congreso

Programa do Congreso 50 anos de Economía en Galicia

Deixa unha resposta