Compostela acolle a X Olimpiada Española de Economía coa participación de 135 alumnos de bacharelato de toda España

A organización sorprendeu aos participantes, alumnos e profesores que suman algo máis de 300 persoas, cun flashmob na Praza da Quintana

 

O Salón Nobre de Fonseca acolleu a apertura oficial da X Olimpiada Española de Economía, que o martes celebra o seu día forte, coa disputa do concurso entre os 135 alumnos e alumnas de Bacharelato de toda España na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. A celebración da Olimpiada é unha das grandes citas do programa conmemorativo do 50ª aniversario dos estudos de economía en Galicia que celebran as Facultades de Económicas e Empresariais galegas e a primeira ocasión en que este evento se celebra en Galicia que acollerá durante este tres días a máis de 300 persoas entre participantes e profesores de ensino universitario e medio de todo o territorio español.

No acto de benvida aos participantes estiveron presentes Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC; Manuel Corredoira, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia; Mª Luz Marco, presidenta da Asociación Española de Economía e Emilia Vázquez, decana da Facultade de Economía e Empresariais da USC. Todos eles coincidiron en destacar a importancia da presencia dos estudos de economía no currículo de ensino medio. “A formación económica é tan importante como calquera outra e agora ten unha situación troncal no currículo académico, o que supón un importante avance”, destacou Manuel Corredoira. Tanto Corredoira como a presidenta da Asociación Española de Economía ou a propia decana da Facultade de Económicas desexáronlle moita sorte aos alumnos que mañá participan no concurso e destacaron que estar na fase final “xa é un premio”, ademais de animarlles a cursar estudos relacionados con esta materia.

O acto de apertura serviu, ademais, para facer entrega dos senllos premios a profesor e alumno gañadores dos concursos que a Asociación Española de Economía puxo en marcha para atopar logo e eslogan para este décimo aniversario. O alumno gañador foi Marco Barcia mentres que o profesor foi Gonzalo Velasco, de Madrid.

Sorpresa en forma de flashmob
Antes do concurso e dentro do plan de actividades programado para estes días, os participantes puideron disfrutar dun roteiro guiado pola cidade de Compostela que contivo unha sorpresa: un flashmob con baile e música galega que sorprendeu aos participantes á súa chegada á Quintana, e que deu lugar a momentos moi divertidos.

O martes é o gran día do concurso, no que os participantes escollidos a través das diferentes fases zonais disputarán o concurso do que só 10 acadarán premio, por importe de máis de 5 mil euros repartidos entre os dez e outorgados polo Ministerio de Educación. Para conseguilos os alumnos deberán enfrontarse a unha proba que consta de tres partes nas que se avaliarán os seus coñecementos teóricos e prácticos en materia de economía xeral e de empresa así como de comprensión e madurez a través dun texto de temática económica publicado en prensa.

Un concurso que chega ao seu décimo aniversario
A Asociación Olimpíada Española de Economía, que este ano cumpre o seu décimo aniversario, é quen organiza este evento, creado co obxectivo de promover a divulgación dos estudos de Economía e Economía da Empresa, crear vínculos estables entre o ensino universitario e o ensino medio e premiar o esforzo e a excelencia académica dos estudantes de bacharelato.

Celebrada por vez primeira en Valencia en 2009 coa participación de 14 facultades, a Asociación Olimpíada Española chega a este aniversario tan especial coa satisfacción de ter incorporado á totalidade de Facultades de Estudios Económicos das universidades públicas existentes en España, 45 en total, entre elas as galegas.

Deixa unha resposta