Alumnos de León, Madrid e Valencia acadan os primeiros premios da X Olimpiada Española de Economía que hoxe conclúe en Compostela

Tamén obtiveron premio o centro do gañador, o IES Álvaro de Mendaña de Ponferrada e a facultade de económicas que presentou aos estudantes que acadaron mellor media na proba que este ano foi para a de León

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acolleu esta mañá a entrega dos premios aos gañadores da X Olimpiada Española de Economía. Un total de dez alumnos pertencentes a Madrid, Castela León, Valencia, Aragón, A Rioxa, Cataluña ou Valencia foron finalmente os que acadaron as mellores puntuacións nas probas celebradas onte neste mesmo centro de entre os 132 alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato que se participaron no concurso.

Marcos Martín Mateos, do IES Álvaro de Mendaña de Ponferrada, acadou o primeiro premio, Medalla de Ouro e 1.200 euros mentres que Andrés Collados Sánchez del IES Rafael Frühbeck de Burgos, en Leganés, Madrid, alzouse coa Medalla de Prata e o premio de 1000 e Jorge González Andrés do La Salle de Paterna, en Valencia, quedou en terceiro lugar, obtendo un cheque por valor de 800 euros. Do cuarto ao décimo participante mellor clasificado obtiveron diploma acreditativo e un premio en metálico de 299 euros.

Ademais, a Asociación Española de Economía tamén fixo entrega dun premio por un importe de 1000 euros ao departamento de Economía do Centro do estudante gañador da Olimpiada, neste caso o IES Álvaro de Mendaña así como se fixo entrega do Premio da Asociación Científica de Economía e Dirección de Empresas (ACEDE) á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais que presentou ao grupo de estudantes que obtiveron en media as mellores cualificacións no exame da Olimpíada Nacional, que foi para a Facultade de Ciencias Económicas de León. Ademais dos premios antes sinalados, tamén se entregaron diplomas aos centros de secundaria aos que pertencen os clasificados.

No acto de entrega dos premios participaron a alcaldesa en funcións, María Rozas, a vicerreitora de Titulacións da USC, Mª Victoria Otero; a presidenta da Asociación Española de Economía, Mari Luz Marco, a decana Facultade de Economía e Empresariais da USC, Emilia Vázquez e Maite Cancelo, en representación do Colexio Oficial de Economistas de Galicia.

Cita dentro do programa do 50ª aniversario

Coa entrega dos premios péchase o programa da X Olimpiada Española de Economía deste ano, a primeira ocasión en que este evento se celebra en Galicia. Un acontecemento que coincide, ademais, coa celebración da décima edición da Olimpiada e o 50ª aniversario dos estudos de economía en Galicia, no marco do que se inxeriu a celebración da Olimpiada. A programación deste 50º aniversario, sen embargo, non remata aquí, xa que continuará con novas actividades trala tempada estival.

 

Deixa unha resposta