A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC vive o venres 17 de novembro o encontro “Da Universidade á Empresa” e o foro Compostalent, o luns 20

“Da Universidade á Empresa” conta co apoio da Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) e desenvolverase pola mañá

 

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago continúa co seu programa de actividades co gallo dos 50 anos dos estudos de economía en Galicia.

 

O venres 17 de novembro celebrarase o encontro “Da Universidade á Émpresa”, organizada da man da Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).

 

Directivos de empresa novos e universitarios reuniranse para pór en común experiencias e resolver dúbidas sobre as expectativas do sector empresarial na formación dos novos titulados. Na xornada trataranse temas como o traballo en equipo, as habilidades profesionais, negociación, xestión do risco, innovación, liderazgo, a marca persoal, novos xeitos de traballo na era dixital, e a felicidade no traballo.

 

A xornada iniciarase ás 11:00 horas, coa inauguración a cargo de Loreto Fernández, vicedecana da Facultade; Santiago Sesto, director da Zona Noroeste da APD; e máis Miguel A. Vázquez Taín, decano do colexio de economistas da Coruña.

 

A continuación chegará a conversa: “Da Universidade á empresa, o mundo que vos ides atopar”. Na conversa estarán o propio Santiago Sesto; Cándido Cancelo, CEO de BMC Desarrollo Industrial y Mobiliario; e Alberto Varela, socio de Servitalent.

 

O luns 20, Compostalent na Facultade de Económicas e Empresariais

 

As actividades na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais continuarán o luns 20, coa celebración de Compostalent. Trátase dun evento para o encontro entre mozos galegos, entidades públicas e as empresas privadas máis prometedoras do panorama español que contará con feira.

 

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago acollerá unha nova cita deste foro de emprego o luns 20 de novembro, de 10 a 18 horas.

 

Haberá talleres, charlas e mesas de debate onde se tocarán os temas máis relevantes da actualidade no referente ao desenvolvemento do talento xuvenil.

 

Os candidatos poderán acercarse ao mundo laboral, compartir inquedanzas cos profesionais de diferentes sectores e valorar as diferentes oportunidades que lles ofrece no mercado laboral.

 

A Feira de Emprego contará coa presenza de numerosas empresas e institucións, entre as que destacan Garrigues, ABANCA, Finsa, Prosegur, Cruz Roja, Fundación Ronsel e MGS Seguros, e constitúe unha grande ocasión para coñecer as tendencias do mercado laboral e a formación e actitudes que se requiren por parte do sector empresarial.

 

A xornada inaugurarase cunha mesa redonda ás 10.00 horas no Salón de Graos da Facultade, na que participarán Emilia Vázquez, decana do centro; Roberto Pereira, presidente do Club Financeiro; Javier Dorado, director de INJUVE; e Santiago Calvo, tesoureiro e director do Observatorio do Instituto para o desenvolvemento do talento novo galego.

 

Posteriormente, ademais dos postos cos que contarán as empresas, desenvolveranse talleres, dinámicas e conferencias levadas a cabo polas propias empresas. Serán ao longo do día e consistirán en entrevistas e dinámicas por parte de ABANCA e Prosegur ou o asesoramento para mellorar as posibilidades de atopares emprego, por parte de Cruz Vermella.

 

Pola tarde, ás 15.30 horas e no Salón de Graos, terá lugar un debate sobre “Banca, dereito e talento”, na que participarán ABANCA e Garrigues, que será moderada polo director da edición dixital de El Correo Gallego.

Deixa unha resposta