Balance do encontro “Da Universidade á Empresa” e o foro Compostalent, o luns 20

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago continúa co seu programa de actividades co gallo dos 50 anos dos estudos de economía en Galicia

O venres 17 de novembro estase a celebrar o encontro “Da Universidade á Émpresa”, organizada da man da Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).

Directivos de empresa novos e universitarios reúnense para pór en común experiencias e resolver dúbidas sobre as expectativas do sector empresarial na formación dos novos titulados.

Na xornada trátanse temas como o traballo en equipo, as habilidades profesionais, negociación, xestión do risco, innovación, liderazgo, a marca persoal, novos xeitos de traballo na era dixital, e a felicidade no traballo.

A inauguración estivo a cargo de Loreto Fernández, vicedecana da Facultade; de Santiago Sesto, director da Zona Noroeste da APD; e máis de Miguel A. Vázquez Taín, decano do colexio de economistas da Coruña e profesor no centro.

Loreto Fernández, nas palabras dirixidas aos estudantes, salientou que “o mercado laboral mudou e é complexo, pide algo máis. Busca xente innovadora e cunha serie de competencias que non se ensinan dentro das aulas e que son as que se buscan con actos coma este”.

Pola súa banda, Miguel A. Vázquez Taín, presentou a organización colexial e que lle pode ofrecer aos recen licenciados: “Tratamos de facer un labor de acompañamento, de networking, de axuda para entrar na carreira profesional”.

Para rematar a presentación, Santiago Sesto amosou o traballo que desenvolve a APD dende 1956: “Somos unha institución que acompaña durante a vida profesional e persoal. Queremos mellorar o desempeño profesional, de modo persoal e en relación cos demais”.

Aos alumnos incitounos a buscar “alimento para o pensamento”, xa que teñen que ter “obsesión para aprender”.

A continuación chegou a conversa: “Da Universidade á empresa, o mundo que vos ides atopar”. Na conversa toman parte o propio Santiago Sesto; Cándido Cancelo, CEO de BMC Desarrollo Industrial y Mobiliario; e Alberto Varela, socio de Servitalent.

 

O luns 20, Compostalent na Facultade de Económicas e Empresariais

As actividades na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais continuarán o luns, coa celebración de Compostalent. Trátase dun evento para o encontro entre mozos galegos, entidades públicas e as empresas privadas máis prometedoras do panorama español que contará con feira.

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago acollerá unha nova cita deste foro de emprego o luns 20 de novembro, de 10 a 18 horas.

Haberá talleres, charlas e mesas de debate onde se tocarán os temas máis relevantes da actualidade no referente ao desenvolvemento do talento xuvenil.

Os candidatos poderán acercarse ao mundo laboral, compartir inquedanzas cos profesionais de diferentes sectores e valorar as diferentes oportunidades que lles ofrece no mercado laboral.

A Feira de Emprego contará coa presenza de numerosas empresas e institucións, entre as que destacan Garrigues, ABANCA, Finsa, Prosegur, Cruz Roja, Fundación Ronsel e MGS Seguros, e constitúe unha grande ocasión para coñecer as tendencias do mercado laboral e a formación e actitudes que se requiren por parte do sector empresarial.

A xornada inaugurarase cunha mesa redonda ás 10.00 horas no Salón de Graos da Facultade, na que participarán Emilia Vázquez, decana do centro; Roberto Pereira, presidente do Club Financeiro; Javier Dorado, director de INJUVE; e Santiago Calvo, tesoureiro e director do Observatorio do Instituto para o desenvolvemento do talento novo galego.

Posteriormente, ademais dos postos cos que contarán as empresas, desenvolveranse talleres, dinámicas e conferencias levadas a cabo polas propias empresas. Serán ao longo do día e consistirán en entrevistas e dinámicas por parte de ABANCA e Prosegur ou o asesoramento para mellorar as posibilidades de atopares emprego, por parte de Cruz Vermella.

Pola tarde, ás 15.30 horas e no Salón de Graos, terá lugar un debate sobre “Banca, dereito e talento”, na que participarán ABANCA e Garrigues, que será moderada polo director da edición dixital de El Correo Gallego.

 

 

Deixa unha resposta