“25 anos formando talento”, MasComex celebrou un cuarto de século de existencia cunha xornada de reencontro e formación

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acolleu a celebración dunha xornada impulsada polo Master en Dirección e Xestión de Comercio Exterior (MASCOMEX). Baixo o título “MasComex: 25 anos formando talento”, os responsables do Máster organizaron un reencontro con alumnos e profesores que serviu tamén para falar da realidade e perspectivas actuais do comercio exterior e que se celebra coincidindo tamén coa celebración do 50ª aniversario dos Estudos de Economía en Galicia.
O encontro serviu, ademais, para facer entrega dos diplomas aos alumnos que se gradúan este ano así como para entregar un recoñecemento aos antigos profesores, na figura do profesor de Mercadotecnia Internacional, José Belio; aos antigos alumnos, na figura de Eva López, da promoción 1997-1998, ás empresas colaboradoras, na figura do presidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Sierra, ademais de entregarlle un recoñecemento á directora de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Sol María Vázquez.
A xornada contou tamén cunha mesa redonda na que participaron o director territorial de Comercio e do ICEX en Galicia, Sergio Prieto, que fixo un repaso da evolución do comercio exterior galego no último cuarto de século; o director de Internacionalización de KPMG, Antonio Hernández, que abordou as ameazas e oportunidades que se lle presentan ao comercio internacional español; o experto en retail e negocio en liña, Fernando Maudo, que destacou os novos modelos de negocio que se abren no 2.0 e a director da área de internacionalización do IGAPE, Augusto Álvarez-Borrás, que tamén fixo un repaso pola evolución da internacionalización das empresas españolas.
A xornada tamén contou coa participación do reitor da USC, Antonio López, o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Díez de Castro, o director do Master, Miguel A.Otero e a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, María Emlia Vázquez.

Alta valoración e especialización
MASCOMEX é un master altamente especializado, valorado como o segundo mellor de España o ano pasado, que forma aos seus alumnos, desde unha perspectiva totalmente práctica, sobre todos os coñecementos que debe manexar o Director Internacional ou o Director de Exportación dunha empresa.
O seu programa incorpora seminarios relacionados coa economía, as relacións internacionais, a xestión de empresas internacionais, a comercialización internacional, a contratación, a loxística, as finanzas, a fiscalidade internacional, e o inglés comercial e de negocios, impartidos por directivos con ampla experiencia profesional, e que se completan co noso programa de prácticas remuneradas en empresas exportadoras.

Deixa unha resposta